Power Point
Caso clínico
Ampliación de información
Vídeos
Editorial

Comunidades bilingües: lingua materna e comunicación na consulta

Carlos Coscollar Santaliestra

Especialista en Medicina Familiar y Comunitaria

Carlos Coscollar Santaliestra

Especialista en Medicina Familiar y Comunitaria

A lingua, isto é, o idioma é unha extraordinaria convención que nos permite expresarnos e comunicarnos (construír comunidade) facendo uso dunha combinación de diferentes tipos de signos, coa condición de respectarmos unha serie de normas pactadas. É, por tanto, unha construción social e constitúe unha herdanza cultural que permite elaborar e transmitir pensamento.

A lingua é un requisito, talvez o máis importante, para lograr unha comunicación efectiva. Pero, obviamente, lingua e comunicación non son exactamente o mesmo. A comunicación é un proceso complexo que require, como mínimo, a intención do emisor e a complicidade do receptor. Ambos os dous están inmersos en mundos de experiencias e significados propios e diferentes, influenciados por variables coma a idade, a clase social, a procedencia, a educación, o xénero etc. Malia a complexidade do procedemento, ou precisamente por iso, a mensaxe que se desexa emitir (a intención) pode diferir da mensaxe que se recibe. En moitas circunstancias é, se cadra, máis realista pretender unha «comunicación útil», é dicir, aquela que lle dá resposta á necesidade do momento e do contexto: termos a confianza de saber que «nos fixemos entender mutuamente».

A etimoloxía da palabra comunicar fai referencia a concertar, acordar (achegar corazóns), unión e encontro, intercambio, compartir, poñer en común (facer comunidade), pois o común é aquilo que se comparte.

A Real Academia Española (RAE), de forma máis sucinta, define a comunicación como a acción de facer partícipe do que se ten a unha persoa ou de transmitir sinais mediante un código común ao emisor e ao receptor.

A comunicación efectiva é un reto continuo que, no contexto dos coidados, debido ao estado emocional e á vulnerabilidade do paciente, converten a lingua en algo máis ca unha ferramenta de comunicación1. «A maneira en que afrontamos e expresamos aspectos relacionados coas distintas emocións ou coa dor está moi ligada á esfera máis afectiva, e moi condicionada pola cultura e o contexto familiar»2. Isto é así especialmente na poboación anciá, pediátrica ou con diversidade funcional.

As barreiras lingüísticas favorecen os malentendidos, prexuízos, actitudes negativas, desigualdade no trato, ansiedade e erros diversos1, e poden conducir a equívocos e a relacións terapéuticas deterioradas. Afecta, por tanto, a calidade dos coidados1-5 e pon en risco o modelo de atención centrado no paciente.

«A lingua materna constitúe o noso primeiro medio de comunicación social e, ademais, está impregnada de crenzas, valores e identidade»2. Por tanto, o emprego da lingua materna elude obstáculos: a lingua materna é o «idioma da emoción», da cultura aprendida e a mellor compaña da comunicación non verbal1.

Asumindo a importancia primordial que ten a lingua materna na comunicación nun contexto de coidados, poderiamos dicir que hai circunstancias que afectan o alcance que as diferenzas culturais e idiomáticas poden ter na efectividade da comunicación. O «factor determinante destas diferenzas reside no grao en que afectan o intercambio de comunicación, de maneira que serían insignificantes de non existir esas diferenzas»1.

Pero engadimos que as mencionadas diferenzas ou asimetrías, entendidas como obstáculo para unha comunicación efectiva, non teñen sempre a mesma magnitude. A realidade actual das consultas é unha realidade multicultural e multilingüe. Isto é, o problema transcende amplamente as cuestións expostas nas comunidades bilingües, polo que adquirir competencia en comunicación intercultural resulta cada vez máis necesario.

O debate sobre o significado e as consecuencias que pode ter a atención a pacientes nun idioma que non é o materno é necesario e precisa de matices e dunha certa complicidade. O contexto político, e talvez social, no noso país non favorece este debate.

A diversidade lingüística e cultural española é a norma. Os Estados monolingües son a excepción. Trátase dunha innegable riqueza que obriga, por unha banda, a protexela e respectala, e por outra, ofrécenos a posibilidade real de atopar un punto de encontro, se tal intención é compartida. É incuestionable a importancia dunha atención sanitaria ofrecida na lingua materna, tanto para a calidade dos coidados coma para a satisfacción do paciente2-5. Pero, á súa vez, non se pode negar que hai outros intereses lícitos que tamén cómpre considerar. Temos en común territorio, cultura, tradicións e unha lingua. As diferenzas, que sen dúbida existen, non impiden compartir un código de significados suficiente que, por razóns históricas e de convivencia, facilita unha «comunicación útil», é dicir, «facernos entender», na lingua común. Por outra banda, o compromiso coa aprendizaxe das linguas locais (maternas) está favorecido pola semellanza que lles outorga o teren a mesma orixe (salvo o eúscaro). Familiarizarse co idioma do lugar e comprometerse a podelo usar con solvencia nun prazo razoable é, por tanto, unha posibilidade real e resulta unha obriga ética, no sentido do compromiso con facer as cousas ben: coidados de calidade.

Paréceme que é unha forma razoable de afrontar o problema, respectuosa, en primeiro lugar, cos dereitos dos pacientes, pero tamén cos dos profesionais, que non verían limitadas as súas posibilidades laborais e profesionais por un «mérito», cuxa natureza, como condición previa e excluínte, moitos non compartimos. Así mesmo, sería unha forma de afrontar un problema en aumento: a inevitable, necesaria e crecente mobilidade de profesionais con linguas maternas diferentes. Falar a lingua materna non é un mérito propiamente dito; é unha consecuencia do azar. É dicir, non é un «dereito a recoñecemento, encomio etc. debido ás accións ou calidades dunha persoa» (RAE). Non falar a lingua materna non se debería penalizar nin pode supoñer unha discriminación previa, unha condición sine qua non, para acceder a un determinado posto de traballo. Dispoñemos dunha lingua común que nos permite comunicarnos de maneira eficaz nun contexto cultural e de significados que facilita unha «comunicación útil». Agora ben, e en perfecta sintonía co exposto, parece lícito considerar como demérito, e penalizarse nos termos que se estableza, o non desenvolverse con solvencia e nun prazo razoable na lingua do territorio. Negarse a iso, por parte do profesional, respondería quer a unha certa indolencia ou desdén, quer a unha actitude militante, que denotaría outros intereses.

A administración e os colexios profesionais deberían facilitar o acceso á aprendizaxe: dispoñibilidade, horario etc., e establecer estratexias para incrementar a sensibilidade cara a estes temas, tanto no pregrao coma no posgrao. Trátase dunha «cuestión profesional e non de carácter meramente legal ou identitario. Responde a un principio de mínimos, que debe facilitar que os pacientes se poidan expresar e que poidan ser comprendidos e respectados na lingua en que sintan máis cómodos, aspirando ao pleno respecto da súa autonomía como pacientes»2.

No caso do eúscaro, a solución é máis complexa. Non hai diferenzas, obviamente, no que respecta á importancia da lingua materna e á esixencia de propiciar o seu uso. Pero a evidente dificultade da súa aprendizaxe introduce, como mínimo, un problema de prazos. Entrementres, hai datos que suxiren que o uso de intérpretes ou ferramentas de tradución en liña incrementa a satisfacción de profesionais e pacientes e mellora a calidade dos coidados e a seguridade do paciente1,3. Ademais, para profesionais de Osakidetza, poderíanse establecer modelos de incentivación que faciliten cubrir zonas, preferentemente rurais, onde se identifiquen importantes problemas de comunicación ou entendemento.

«A calidade da atención pódese mellorar mediante a atención na lingua materna»1. Habilitemos, por tanto, o modo de respectar o dereito dos pacientes, animando a que se expresen na súa lingua materna e facilitando que o poidan facer. Non tanto por unha interpelación identitaria ou legal, senón por unha atención da máxima calidade. E manteñamos a sensibilidade cos dereitos dos profesionais, que tamén é unha forma de preservar e mellorar a calidade da atención.

Bibliografía

  1. Hemberg J, Sved E. The significance of communication and care in one’s mother tongue: Patients’ views. Nordic Journal of Nursing Research. 2021; 41(1): 42-53. doi:10.1177/2057158519877794
  2. Tolchinsky Wiesen G, Calvo Escalona R, Inzitari M. La atención médica en los territorios bilingües. Med Clin (Barc). 5 de xaneiro do 2023; 160(1): 39-43. doi: 10.1016/j.medcli.2022.07.023
  3. Seale E, Reaume M, Batista R, Eddeen AB, Roberts R, Rhodes E, et al. Patient-physician language concordance and quality and safety outcomes among frail home care recipients admitted to hospital in Ontario, Canada. CMAJ. 11 de xullo do 2022; 194(26): E899-E908. doi: 10.1503/cmaj.212155
  4. Cano-Ibáñez N, Zolfaghari Y, Amezcua-Prieto C, Khan KS. Physician-Patient Language Discordance and Poor Health Outcomes: A Systematic Scoping Review. Front Public Health. 19 de marzo do 2021; 9: 629041. doi: 10.3389/fpubh.2021.629041
  5. Al Shamsi H, Almutairi AG, Al Mashrafi S, Al Kalbani T. Implications of Language Barriers for Healthcare: A Systematic Review. Oman Med J. 30 de abril do 2020; 35(2): e122. doi: 10.5001/omj.2020.40

Cómo citar este artículo...

Coscollar Santaliestra C. Comunidades bilingües: lingua materna e comunicación na consulta. AMF..

Comentarios

No hay comentarios